Conversas

—Se puideras escoller, onde vivirías?

—En Ankh-Morpork.

—Iso non vale.

—E por que non? Se puidera escoller, viviría alí.

—Pero non existe. Tes que dicir un sitio que sexa deverdá.

—E quen o dixo?

—Pois o digo eu, que para iso pregunto.

—Entón paso.

—Como que pasas?

—Paso. Para escoller un sitio real quedo aquí. O mundo de verdade é o mesmo en todas partes.

—Iso é unha parvada. Non se vive igual en todos lados.

—Non sei. Eu nunca saín da illa, pero digo eu que a xente é xente en todas partes.

—Que va! Non é o mesmo para nada. Veña, agora en serio. Se puideras escoller, onde vivirías? Algún sitio haberá que che guste.

—Xa cho dixen. Viviría en Ankh-Morpork.

—Pois para iso ben poderías dicir Nova York e todos contentos.

—Non é o mesmo.

—É unha cidade, non? Se non che chama Nova York escolle Londres, entón.

—Prefiro quedar nesta praia.

—Non se pode falar contigo.

—Si que se pode. O que pasa é que non che gusta o que digo. Veña, dime, e ti, se puideras escoller, onde vivirías?

—Eu non podo escoller. Terei que quedar aquí. Iso ou convencerche para que veñas a Nova York comigo.

—Non teño moi claro que Nova York sexa un sitio deverdá. So che gusta porque sae nas películas.

—É máis deverdá que o Ankh ese. Imos pa’ casa? Estame collendo o frío.

IMG_20170509_122923590

De nenos e tartarugas

A nena deulle a volta á tartaruga, a cuncha pousada sobre a terra nun pequeno claro do xardín. A tartaruga agochou a cabeza na coiraza con aire aburrido. Chegou a dar forma a un pensamento, con esa rara forma de pensar que teñen as tartarugas, sen utilizar palabras. Se o pensamento saíra dunha mente humana sería algo así como “Outra vez! Agora voume dar a volta e voume agochar no arbusto que está ao lado do limoeiro. A ver como fai para atoparme entre as follas!”

Asomou a cabeza e as patas fora da cuncha. Moveunas ata conseguir fincar a pata traseira esquerda na terra, coa forza suficiente como para virar todo o corpo.

Comezou a camiñar paseniño cara á protección do arbusto, con esa determinación que só teñen as tartarugas e os vendedores de seguros.

A nena deixouna ir, un metro apenas e, de súpeto, a tartaruga perdeu o contacto co chan. Por máis veces que a nena a collera, a tartaruga non acababa de afacerse á sensación de estar lonxe da terra.

Uns segundos despois, movía as patas no aire, intentando virar de novo, a bóveda da cuncha pousada sobre a terra húmida. Desta volta pensou algo así como: “Voume virar e voume meter na cuncha. Seguro que me confunde cunha pedra e me deixa en paz”.

A nena sorría mentres a tartaruga facía balancear a cuncha, cada vez con máis forza. Todo o mundo sabe que a capacidade dos nenos para non cansarse dun xogo divertido é case comparábel á determinación das tartarugas e dos vendedores de seguros.

Non ía ser un bo día para ser tartaruga.

IMG_20170504_114450765

 

The Ghost and Mrs. Muir

Quen non amou algunha vez

a unha pantasma?

Quen non pensou que aquela sombra

ocultaba o amor merecido?

Quen non soñou igual que Gene Tierney

coa música de Herrmann de fondo?

No 1947 a luz de Charles Lang

iluminaba o rostro de Gene.

1947, as etiquetas son as mesmas hoxe,

Muller Casa Soñar

Acaso alguén non tivo un amor así?

Non digas que non, non pode ser.

Ten que existir unha pantasma,

sen que ninguén sospeite.

Iso é moi importante,

que ninguén sospeite,

porque esa será a luz máis parecida

á de Charles Lang

que vai iluminar os teus ollos.

dav

 

Alicia en Elsinore

Alicia medrou nunha illa tomada polo vento.

Non hai metáfora:

só unha illa,

unha porción de terra rodeada de auga por todas partes.

Coma en Elsinore o vento zoa,

levanta nubes de po e de area.

Ispe as árbores e fai fuxir os paxaros.

Alicia volta á illa coma quen volta á casa.

O vento a recibe con un bico frío

e Alicia recorda un día cando de cativa saíu ó camiño mentres o vento de fóra facía afundir os barcos.

Ergueuna do chan e levouna ó continente,

a un lugar sen auga nin vento que non era casa.

Lonxe de Elsinore Hamlet non é máis que un home.

Alicia non é máis que nena en todas partes,

mesmo na illa,

onde o vento zoa,

levanta nubes de po e de area.

Ispe as árbores e fai fuxir os paxaros.

IMG_20170428_134026130